Feira de Artesanía do Ferro 2014

Publicado en: Artesanía | 0

O pasado 13 de abril tivo lugar a oitava edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, unha cita repleta de artesanía, de ferreiros e de demostracións en vivo dun oficio tan tradicional e tan noso, que xa é unha icona do concello de Riotorto.

Houbo tamén obradoiros doutras actividades como a olaría, moitos postos de artesanía, de alimentación, de produtos típicos da zona e, por suposto, ambientación de rúa con teatro e actuacións musicais.

Co gallo de tan esperada cita, quixemos saber por boca dun dos principais organizadores da feira como xurdiu. Falamos con Ángel Villada Moirón, secretario da APS (Asociación para a Promoción Social) Ferreiros de Riotorto.

Como xorde a Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto?

Xorde como consecuencia dunha das primeiras actividades que organiza a APS FERREIROS DE RIOTORTO o 15 de abril do ano 2007, para promocionar, difundir e poñer en valor a cultura dos Ferreiros de Riotorto así como a dignificación da profesión.

Xa van oito edicións e a feira é un éxito todos os anos, cal é o segredo de tan boa acollida por parte da xente?

Tratamos de facer as cousas ben e dunha forma responsable, destacando por riba de todo o oficio do ferreiro.

Cal cres que é o principal atractivo da feira?

Penso que o espazo das demostracións do forxado do ferro o aire libre é a icona da feira.

Depáranos sorpresas esta oitava edición?

Temos un orzamento axustado. Claro que nos gustaría poder compartir outras experiencias e técnicas con outros ferreiros doutros países, pero seguimos ampliando o espazo de demostracións e postos do ferro.

Este ano o día de celebración foi o 13 de abril, podes resumirnos un pouquiño o programa e todo o que se pudo ver?

Con respecto ao programa, convidamos a toda a xente que nos veu visitar a Riotorto, xa que temos ferreiros de Riotorto, da Fonsagrada, do Corgo, de Santiago de Compostela e de Santa Eulalia de Oscos, e uns carboeiros da montaña de Lugo que farán o carbón vexetal no recinto da feira. Houbo obradoiros de ferro infantil para os máis pequenos, de madeira, de olaría; e durante toda a xornada animación de rúa con música e teatro. Tamén tivemos o pavillón polideportivo con 40 expositores do resto de artesanía e produtores de Riotorto. Ademais, a carón do espazo do ferro tamén houbo unha gran carpa para poder comer o polbo.

Para este ano contamos cun total de 130 expositores, a feira abriú as 11:00 e rematoú as 20:00.

Dúas palabras ou frases coas que motivar a xente para que se acheguen.

O 13 de abril sacamos os ferreiros de Riotorto das forxas.

Angel Villada Moirón

Secretario

APS Ferreiros de Riotorto

Dejar un comentario