A Croa ou Coroa de Riotorto é un pequeno castro dos nove que están catalogados no concello. Presenta unha superficie total de 3 hectáreas dispersas nun recinto circular que se adapta ao terreo en varias terrazas de ocupación. Presenta unha liña de murallas ao redor da parte máis alta e parapetos menores combinados con fosos cara ao norte.

Foi obxecto da escavacións no s. XIX por parte do investigador José Villaamil y Castro, e nel atopáronse vestixios de cerámica, restos líticos e metálicos. Entre estes últimos temos obxectos de ferro, de bronce (fibelas) e adornos de ouro (tres torques completos e dous fragmentos).

A peza máis notable é o brazal de Riotorto, conservada no Museo Provincial de Lugo. Segue a tipoloxía dos torques de tipo norteoriental galaico e está datada entre os séculos III e I a.C.

Información recavada do libro Riotorto, Guía do concello, de Carlos Xesús Varela Aenlle