Os mazos e ferrerías foron sempre construcións moi importantes no concello de Riotorto. Apareceron grazas á enerxía hidráulica, facilitando así o proceso de traballo do ferro, sempre combinado co traballo manual por medio da ingre e o martelo.

O sistema de funcionamento dos mazos antigos, ou mazos de auga, era o seguinte:

A auga dos ríos almacenada nun depósito, chamado banzado, caía a través dunha canle na que unha trapela controlaba o paso da auga que facía xirar ou deterse un rodicio, que á súa vez movía o mazo.

Este mazo foi un avance para os ferreiros, xa que os acabados no modelado do ferro foron moito mellores. Consérvanse en Riotorto dous destes mazos: un en ruínas, o Mazo de Bastián; e outro restaurado, o Mazo da Fraga de Ferreiravella.

Hoxe en día a maioría dos mazos que hai no concello en activo son mazos eléctricos, que seguen desempeñando a mesma función que os de auga.

As moas utilizaban o mesmo sistema que os mazos: a forza da auga permitía o movemento do rodicio da moa de afiar, onde se afiaba e daba o acabado ás distintas ferramentas de corte. Na actualidade, e como nos mazos, o seu funcionamento é eléctrico.

Información recavada do libro Riotorto, Guía do concello, de Carlos Xesús Varela Aenlle