riotortoRiotorto é un concello localizado no nordés da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Meira e a escasos quilómetros da Mariña lucense, nunha zona de transición entre a costa e o interior. Preto quedan A Pontenova, Meira, Vilanova de Lourenzá, Mondoñedo, Trabada e A Pastoriza. Ten unha superficie de 66 Km2 e unha poboación de arredor de 2.200 habitantes.

Dende o pico Carracedo, situado nos lindes co concello de Mondoñedo, descendemos por Santalla, Vilaseca, O Vilar de Santiago, Santa Marta de Meilán, ata chegar ó núcleo ou capitalidade: As Rodrigas. Ao leste quedan A Moxoeira e A Augaxosa. Seguindo cara a Meira pasamos por Espasande de Abaixo e xa subindo, Ferreiravella e Aldurfe, a parroquia máis próxima á Terra Chá; e no outro extremo a Órrea e Galegos, xa no Val do Eo.

As fermosas paisaxes naturais, as fragas e os regatos así como as igrexas, capelas, cabozos e algunhas casas nobiliarias presiden todo o concello.

Igual de importante é a cultura gastronómica e a tradición das festas. E de todo deu boa fe Álvaro Cunqueiro nas súas obras literarias ou Avelino Díaz nos seus poemas.

Pero se algo caracterizou e caracteriza estas terras é a súa longa tradición no traballo do ferro. No concello case unha vintena de ferreiros manteñen vivo un oficio de séculos de historia e coas súas forxas, mazos e moas confiren singularidade á esta paisaxe.

Ferro e natureza, lecer, tranquilidade e gastronomía. Riotorto, unha terra por e para descubrir.